12/30/2012

Publicar

Tertulias dialóxicas 29 de novembro 2012

            Hoxe comezamos un novo proxecto no que todos e todas (alumnos, exalumnos, pais, nais, amigos, veciños, profesores, …) podemos participar. O proxecto trata de coller unha obra literaria en galego ou en castelán e lela, despois cada un de nós di o que lle parece da obra ou salienta un aspecto da obra que lle chamara a atención e o comenta.

Nesta primeira tertulia escollimos Un ollo de vidro de Castelao. A verdade foi que resultou moi interesante e penso que todos aprendimos cos comentarios duns e dos outros, moitas cabezas pensantes falando dun mesmo texto fai que vexas distintas lecturas, distintas sensacións, distintas apreciacións…e que saias da tertulia cunha sensación moi agradable de ter aprendido moito, de ter escoitado verbas interesantes, sentimentos e paixóns que nin descubriras, este abrirnos os ollos uns aos outros resultou, cando menos para min, fascinante. Tratarei de plasmar algunhas das cousas que se dixeron, aínda que foron tantas que vai ser case imposible dicilas todas e pido desculpas polo que se me poida esquecer ou polos matices que se me escapen.

            Nun primeiro momento comentamos que nos resultou unha obra complicada de ler e que, cada vez que te achegabas máis a ela, atopábaslle diferentes lecturas e matices. A complicación estaba por un lado no galego empregado, un galego da época de Castelao, non normativo, e que nos fai facer un esforzo máis grande para comprendelo, por exemplo tiñamos que facer o esforzo de buscar palabras no diccionario como “campa” que é “lápida”… Por outra banda está tamén o feito de que neste pequeño conto está condensada a filosofía e as ideas deste noso Castelao, tan profundo, tan irónico, con tanta sorna…e con ese humorismo tan galego que o caracteriza. De feito unha tertuliana que é mestra comentaba que ela tentou contarlles aos seus alumnos e alumnas o conto da tertulia e viu que lles resultaba algo difícil, mais despois resumiuno e fíxollo con debuxos e así entendérono moito mellor. Por outra banda o feito de que conte tantas historias fai que non haxa un fío común, de que non sexa unha novela convencional cun plantexamento, desenvolvemento e final, polo que é moito máis fácil perderse e ter a sensación de non comprender ben o que pasa.

 Tamén destacamos este humor negro de bromear coa morte, comentando por exemplo, que non poden saír da tumba ata que non teñan toda a carne comida, xa que os mortos ulen ben, como os humanos; como lle fan cóxegas os vermes cando o están a xantar; como se desculpa co seu amigo a o final por non bicalo…

Os esqueletes son coma na vida, entes independientes, parecidos (todos queren bailar) pero diferentes, cada un ten a súa vida e a súa historia. Ao mesmo Castelao vémolo reflectido cunha condensación extraordinaria cando nos resume a vida do protagonista en primeira persoa, dese esqueleto que nos conta as súas memorias: “Eu nascín,medrei e fíxenme un home”.

            Por unha banda temos a un narrador que asemella a Castelao e que nos conta a súa relación cun enterrador da cidade, enterrador que se aproveita e vende as pretenzas dos mortos, por iso o narrador prefire ao enterrador do pobo, xa que este non rouba aos mortos. Pensamos que esto reflicte a  relación persoal dos pobos, nos que todos temos nome, e somos quen somos, para o bon e para o malo, por eso non lles rouba, porque, mortos ou vivos, ten unha relación afectiva con eles e seguen sendo eles. Aparece a morte tratada con moito humor, ás veces un tanto macabro, como que atope ao seu pai, coma que este vaia a peregrinar e lle pida que lle vixíe a perna porque o veciño lla quere roubar, xa que é un esquelete coxo…Tamén prefire o narrador o cimiterio da cidade porque nos pobos falan de cousas de vivos (a colleita…) e na cidade non. Non existen estes mortos malvados que veñen vingarse de nós ou matarnos, como acontece nas películas americanas, non, a morte é o que é, convertémonos inevitablemente nun esquelete, e xa está, é algo natural, tanto como a vida. De feito o narrador pensa que se a terra no nos necesitase como abono non morreriamos. Fala  máis adiante dun mito da morte galega, da Santa Compaña, e non o conta, xa que o sabemos, sabemos que, se un de vivo ve a santa compaña, morrerá inevitablemente. O esquelete está certo de que pode desmentir este feito, pero non quere, xa que é un entretenemento do pobo nas noites do inverno, inventar e contar contos da santa Compaña e non lles quere quitar este pracer.

            Outro dos temas que trata é o da frustración. Unha tertuliana destacou o parágrafo do zapateiro-músico que morre de saudade porque desexaba máis que nada no mundo cantar no orfeón, pero Deus déralle voz e non oído, polo que o expulsan e morre de saudade. Esta tertuliana di que ela reflexionara sobre a necesidad de non frustrar a ningunha persoa nos seus soños, aínda que os vexamos lonxanos ou pensemos que non os vai a acadar, porque xa irán pouco a pouco descubrindo cada un de nós as nosas limitacións, pero, sobre todo os que somos docentes, temos que ser moi cautos para non eliminar as ilusións dos nosos alumnos e alumnas, e ,ás veces, podemos facelo, mesmo inconscientemente.

Moitos personaxes morren de morriña, de saudade. Que, como ben dicía un dos tertulianos, aparece definida como un “dor da alma”. A rapaza que foi burlada polo señor, que a cambio de arranxarlle unha moa lle fixo un fillo e a abandonou a súa sorte, polo que morreu, a moza que suspira cun pequerrechiño por un señor de bigotes militar…Historias tan repetidas na Galiza da época que se convertiron en esquemas, pero vivos e con sentimento.

 Tamen trata o tema da emigración. O pai do esquelete fora á emigración e voltara pobre, non conseguira (como tantos outros) o seu soño, e veu doente e morreu axiña, aínda que o seu fillo sempre o adorou e mitificou. Comentaba un tertuliano que esta relación de admiración cara ós progenitores da lugar a moitos complexos, de Edipo, de Electra, e que parece que Castelao mesmo parece xogar con esto, cando o fillo atopa o esquelete que o recoñece cando conta a súa historia, xa que o ve feo e parvo, e é seu pai, e se abrazan con paixón, e o pai lle pide que coide a súa calivera cando vaia de peregrinaxe…segue habendo unión entre pai e fillo, pero sen prexuizos, sen botar cousas en cara, sen aldraxes…pero xa sen admiración, xa que son iguais, dous esqueletes.

Citas e alusións a situacións do século XIX e XX  como o suicida, a república, a “Danza macabra” de Saint Säens, que grazas a tecnoloxía escoitamos alí mesmo, as mortes de mulleres en Oseira, Nebra ou Sofán…alusións so nomeadas e que che crean unha curiosidade por saber do que fala…que é un dos grandes acertos de Castelao, vai dando pinceladas de moitas cousas, e di moito, con poucas palabras, polo que , como di outro tertuliano, cada vez que o les ves cousas novas.

Non debemos esquecer que Castelao non so é literato senón tamén  debuxante, por iso se nos fixamos no debuxo de cando os esqueletes danzan, é un debuxo moi esquemático, e só sabemos que están nun cimeterio pola cruz que vemos no fondo. Esta aparente simplicidade que oferta nos seus debuxo aparece tamén na escritura, que, detrás dunha aparente de simplicidade aparece moita complexidade. Coa aparenza dun breve conto, Castelao logra reflectir todo o mundo da Galiza da súa época, que, por desgraza, nalgúns asuntos non cambiou tanto como debera.

Castelao que como nos di fíxose médico por amor ao seu pai (lembremos que o enterrador da cidade lle pregunta que como médico debe saber onde pode vender un ollo de vidro) e non exercía por amor á Humanidade, fai nesta obra tamén unha crítica moi dura dos médicos. Así vemos como ao noso esquelete non lle curan o ollo despois de quitarlle unha morea de cartos e acaban poñéndolle, tras volver a pagarlles de novo, despois do incidente co galo, un ollo de vidro. Noutra pasaxe do libro pregúntalle a un morto se hai folga de médicos, e o outro dille que non, que el pegouse un tiro, pero médicos para facerlle a autopsia había…pero de certo no conto os médicos non curan a ninguén.

Outra poñente escolleu como parágrafo preferido o tema dos vampiros e destaca a diferencia deste vampiro de Castelao con outros doutras sagas que ela lera. Gustoulle o libro porque non sabía o que ía a pasar e ela seguiu con moito interese a historia dese vampiro que se erguía para chuparlle o sangue a moza, ata que a matou…Aparece aquí outra crítica social, ese vampiro fóra un cacique, e non pode evitar seguir chupando o sangue como facía en vida, por eso o esquelete quere unha solución para acabar con eles, queimalos, cravarlles unha estaca no corazón…Castelao sabe que o problema de Galicia radica nestes caciques que so buscan o seu beneficio e non o do pobo e que viven ben a costa de que o pobo viva mal…Este mal galego que dubidamos teña desaparecido de todo, polo que Castelao segue a estar de actualidade e non so trata da Galiza de comezos do XX senón que podería estar a falar da Galicia de hoxe.

Un poñente di que a complexidade do libro é que fai grandes metáforas de moitos temas. É complexa a trama, o narrador (que parece Castelao) fai amizade cun enterrador que lle vende un ollo de vidro e as memorias que despois nos transmite e que  son, supostamente,  alleas a el, xa que é a historia do esquelete que enterraran con ese ollo de vidro, sen embargo vai sendo tamén o ideario de Castelao, aínda que el insiste, como personaxe narrador e amigo do enterrador, que nada teñen que ver con el as palabras do esquelete. Pero non remata aquí a complexidade formal. Nas memorias do esquelete, o esquelete conta moi brevemente a súa vida, centrándose no ollo, e comeza a coñecer esqueletes diversos, cos que vai relacionándose e falando, do mesmo xeito que faría na vida, polo que coñecemos diversas historias, todas elas esquemáticas, máis todas importantes. Así ata que acaba a historia. Pero non acaba aquí, xa que despois este narrador personaxe (o “amigo” do enterrador) enterra o ollo con papel e lápiz na tumba dun amigo morto para que escriba o que lle pareza e despois promete ilo buscar. Dando así de xeito claro maior veracidade á historia do esquelete, que el da como certa…de feito quere ter outra. É asombrosa a profundidade que dá da vida e da morte baixo unha aparente broma macabra, un contiño de mortos que nos leva a moitos lugares comunes da literatura e da historia do noso país, pinceladas, si, pero grandes pensamentos e importantes alusións que vas descubrindo en sucesivas lecturas.

Unha poñente nos comentaba que a ela chamáralle a atención o feito de que foran quen foran en vida todos van ser esqueletes, de aí o poder igualitario da morte, pero, aínda que todos os esqueletes parecían iguais, co ollo de vidro podía diferencialos moi ben, vía a tristura da muller morta, a mala fe do inglés que daba patadas á cabeza do pequeno e lle quería roubar o seu ollo de vidro (amizade interesada), o que se suicida polos seus ideais…todos iguais pero diferentes na morte, xa que cada quen segue a ser cada quen. Outro feito importante é que a morte nos deixa claro cales son as verdadeiras cousas da vida, que non son os cartos, o valor do filántropo na morte non existe, xa que non ten cartos e non pode facer as súas boas obras, o poeta queda mellor parado, pero é algo tolo e busca una calivera para facer Hamlet…Unha vez mortos só queda de nós o esquelete e o que somos na vida, o que fomos, as nosas vivencias, non os cartos e as posesións,…pero todo se iguala e vives bailando no cimiterio, agás o cacique, que segue facendo como na vida, aproveitarse das xentes.

Outro tertuliano comentou que tiña mesmo relación co realismo máxico e mesmo co surrealismo. Damos por feito realidades como esqueletos no cimeterio e un deles, o pai do protagonista, vai ir en procesión e vaise converter nun lagarto para ir a San Andrés de Teixido, porque é ben sabido pola tradición que “o que non vai de morto, vai de vivo” . Despois o inglés e o noso esquelete van paseando e escuecen que están mortos e entón se cruzan cun vivo (un mozo que ía tocando un pasodoble flamenco cun acordeón e que cando os ve toca un escorrentaporcos)  que fuxe espantado, pero esto cóntase sen emoción, sen tragedia, como se fose o máis normal do mundo iren camiñando e atoparse a dous mortos esqueletes falando. E por outra banda, non é unha personaxe cómica o vivo? Non temos a sensación de que é case irrisoria a situación? Cómica realmente? Imaxinemos a un home cargado con estes instrumentos e tocando un pasodoble e que se cruza con dous esqueletes que van paseando e falando tranquilamente…Dende logo antes rimos que temos medo.

Por outra bando alguen destacou tamén que o ollo que en vida non lle valía para nada, xa de morto lle facía ver todo e percibir o mundo de xeito diferenta aos outros esqueletes que non vían. Aquí fala de percepcións, vemos o mundo que é? queremos ver o que queremos ver ou vemos a realidade? Este esquelete se volve diferente porque ve diferente. É interesante ver diferente? Se non fose así o mundo non avanzaría e seriamos todos iguais, non habería artistas, nin científicos…Pero é doado ver o mundo diferente aos outros? Ás veces está contento o noso esquelete coa diferenza, mais outras parece que o fai máis infeliz que feliz, todos bailan contentos, sen preocupacións e el non.

Falouse algo tamén da alusión a María Guerrero cando bicou un anaco de terra galega, e Castelao xoga cos diferentes significado da palabra “terra”, terra física, como pó, e terra como patria. Bicar a terra en si, o pó, considera o esquelete que é tontería, mellor un carballo ou algo vivo e que viva da terra, xa que nun bote calquera terra é igual. Esta alusión dita de pasada ten moito detrás.

Falamos pouco de dous temas que aparecen no libro, pero algo dixemos, da defensa de Castelao, concretamente do esquelete do ollo de vidro, do galego, ben medio en broma, dicindo que non entende como aqueles mortos non falan galego, cando un morto no vai poder decir sen gorxa o “j”, e tamén cando o único que lle fala galego é un inglés (critica ao pouco respeto e agarimo que os galegos parecen sentir pola súa lingua) e do humorismo. O esquelete trata de atopar unha resposta nos máis estudiados do cimeterio, daqueles que tiñan libros na cachola, que leran sobre o humorismo e trata de demostrarnos que o humor vai depender moito do interlocutor. Tódolos casos que lle plantexan poden ser humorísticos, aínda que haxa tipos, dependendo que quen sexas e da túa situación na vida, vante facer gracia unhas cousa ou outras, mais con todo se pode facer humor, ou, cando menos, é o que nos pareceu. Tamén fai a distinción entre o humorismo e a socarronería.

Outras dúas liñas que comentamos varias persoas da tertulia foi o fragmento no que define o capitalismo e o de quen nunca chove a gusto de todos, e de novo, moi sinxelo na forma, pero, canto di! “Os obreiros no mundo queren as patacas baratas, os labregos queren a suba das patacas e hai homes que non viven das patacas”

Tamén a trascendencia da vida queda en entredito so comezar o libro con ese parágrafo tan cheo de humor e tan cargado de significado que escolleu otro dos tertulianos: “Certo día fitoume unha vaca. ¿Qué coidará de min?, pensei eu, e naquel intre a vaca baixou a testa e segui comendo na herba. Agora xa sei que a vaca somentes dixo: -Bo, total un home con anteollos”. Por unha banda esta alusión aos anteollos é un claro indicio, unha chamada ao lector, de que é el mesmo esta primeira persoa, xa que os anteollos forman parte importante da súa propia caricatura. Por outra banda fala da pouca importancia que lle damos á vida dos outros, dos diferentes a nós (nós consideramos ás vacas menos ca nós e seguramente como di Castelao elas pensan o mesmo de nós) e mesmo de nós mesmos, créndonos o embigo do mundo ou crendo que so nós somos importantes. Por eso este comezo foi escollido por un tertuliano, por quitarlle toda importancia e trascendencia á vida dos homes, de calquera home ou muller. A vida non é importante, mais a morte tampouco, non hai esta trascendencia relixiosa, a morte, o que somos e seremos, é unha calivera, máis esta morte, para Castelao, é unha liberación, e volta a decir con humor, que estar morto está ben, xa que polo menos non terá que ser xulgado por unha vaca.

Concluimos co pensamento doutra tertuliana que leu a Castelao con quince anos e que quedou prendada do seu humor, da súa forma de dicir as cousas, dos pensamentos que transmitía…e de cómo hoxe, xa pasado o tempo, volve a sentir case o mesmo. Conclúe que ler a Castelao, coñecer a súa obra, é unha grande satisfacción como galega e como persoa, xa que é un grande escritor, e ás veces non coñecemos a grandeza dos de preto e imos buscar escritores máis alleos, tendo en Castelao a un grande que endexamais pasará de moda.

Grazas a todos por participar. Esperamos que teñades estado a gusto e que participedes nas seguintes tertulias e animedes a outras persoas do voso entorno a vir. Estades todos e todas convidados para xuntos facer outra interesante tertulia.

 

No hay comentarios: